viernes, 29 de mayo de 2020

Despedindo a semana e o mes de maio

Ola, navegantes!
Aquí veredes algúns vídeos dos compañeiros e compañeiras facendo soar os instrumentos construidos por eles e as familias. Quedaron moi chulos!!
Lucía Castro Rodríguez, 4º A  Albuche de cana


Tania Rey Vecino, 4ºA, Albuche de cana


David Pérez Santos, 5ºB, asubío de bugallo 


María Veiga Domínguez, 5ºB, asubío de abelá


Tamén vos compartimos un fermoso debuxo de Iker Filgueira Valverde, 5ºA

 Así rematamos a semana, e con ela o mes de maio. 
Un dos meses que máis poetas inspirou, e tamén moita música... 
Este é un poema de Rosalía cantado por Uxía Senlle


Que pasedes unha boa fin de semana, ata o luns!
💓😘💓

jueves, 28 de mayo de 2020

Contos e cantos

      Ola, xentes curiosas! Hoxe para comezar o día tráiovos esta cantiga sobre Branca de Neve e os seus amigos os ananiños. Pero... cantos ananiños eran? Mmmm deixádeme pensar... Case mellor escoitamos a Germán Díaz cantarnos esta preciosa letra de Paula Carballeira. Atención ao instrumento, fixádevos ben, é moi curioso...

Non vos entraron ganas de cantar un pouco? A min si!!
Preparámonos entonando a escala con Daily Do



Agora imos lembrar o Papagaio loiro, a canción do Coro das Emocións que practicamos coa aula de Infantil 4 anos.

 Primeiro cantamos con xestos...

E agora co acompañamento da harpa. Vosoutros facede os xestos, que eu non dou!! Jajaja

 Espero que o pasedes moi ben cos contos e os cantos... unha aperta e ata pronto!!

miércoles, 27 de mayo de 2020

O pentagrama, onde viven as notas

Ola navegantes! Hoxe vouvos falar do pentagrama... lembrades o que era o pentagrama?
Este é o PENTAGRAMA, 5 liñas e catro espazos. Contádeos ben, a ver se están todas e todos!
Ao principio do pentagrama escríbese a clave, esta é a CLAVE DE SOL

O PENTAGRAMA é a casiña das notas, cada unha ten o seu lugar. 
Aquí vedes as notas SOL e MI cada unha no seu sitio. SOL vive na 2ª liña e MI vive na 1ª liña.
Tedes un pequeno traballo sobre o pentagrama (descargar a ficha aquí debaixo)
Prazo de entrega: dúas semanas (ata o luns 8 de xuño) Como enviar o traballo? Fotografiar ou escanear a ficha cuberta e mandala ao correo colexioflavia3@gmail.com

E para rematar, imos cantar a nosa canción do Pentagrama... are you ready?

Un biquiño e ata outra!


martes, 26 de mayo de 2020

Escribindo ritmo e silencio

      Ola xentes! Hoxe temos a entrada sobre como escribir a DURACIÓN do son e do silencio. Se temos que escribir un ritmo, necesitamos anotar as diferentes duracións de sons e silencios. Cando escribimos ritmo non precisamos o pentagrama (5 liñas e 4 espazos), tamén os podemos escribir así (imagen tomada de la web tocapartituras.org)
      Aquí vos propoño un traballo sobre as figuras rítmicas e os silencios:
1.      Ver nestes vídeos o repaso da definición, tipos e exemplos de figuras rítmicas e silencios.


2.      Recortar as figuras rítmicas e silencios, comparar as súas duracións. (descargar a ficha clicando aquí abaixo).
1.      Cubrir o cuestionario (descargar a ficha clicando aquí abaixo)
 Prazo de entrega: dúas semanas (ata o luns 8 de xuño) Como enviar o traballo? FotografIar ou escanear a ficha cuberta e mandala ao correo colexioflavia3@gmail.com

 E vouvos dar a despedida cun vídeo para practicar a lectura musical do profesor Pedro Morales, cando vos propoña tocar unha figura rítmica cun instrumento de percusión lembrade que podemos usar o noso corpo (palmas, chasquidos,etc.) ou ben unha tapa de cacerola cunha culler de pau! O mundo está cheo de instrumentos, pero esto contarémolo outro día...

 Unha aperta e ata outra💜


lunes, 25 de mayo de 2020

Aprendendo sobre formas musicais

Ola navegantes! Xa estamos na última semana de maio, como pasa o tempo!! Hoxe vos traio un traballiño sobre as formas musicais. O que hai que facer é...

  1. Ver aquí no blogue a definición, tipos e exemplos de formas musicais
  2. Cubrir o cuestionario (descargar esta ficha)

Prazo de entrega: dúas semanas (ata o luns 8 de xuño) Como enviar o traballo? Fotografiar ou escanear o traballo e mandalo ao correo colexioflavia3@gmail.com

      Entón imos aló! Atentos a este vídeo no que nos explican moi ben de que estamos a falar... das formas musicais. Se vos gustaría ser compositores ou compositoras este é un tema moi interesante!


      Algúns navegantes especialmente atentos notarían que algunhas denominacións dos tipos de formas musicais son un pouquiño distintas das que aparecen no caderno de música. Na ficha xa vos aparecen os dous nomes, eu volos repito aquí
Tipos de formas musicais
Primaria (no caderno lle chamamos Romance) 1 parte, esquema AAAA...
Binaria (no caderno lle chamamos Bipartita) 2 partes, esquema AB
Ternaria (no caderno lle chamamos Tripartita) 3 partes, esquema ABA

      E para rematar, propóñovos un baile un pouco tolo cun leprecaun (é como un trasno ou duende irlandés, que viste de verde e ten un tesouro agochado...). Ademáis, fixádevos cómo cambian os movementos en cada parte da música. O baile tamén se adapta ás formas musicais, mira ti, que cousas. Tentade enganar a alguén para que baile un pouco con vós e pasade un bo rato!

Chao, ata a próximaaa!



viernes, 22 de mayo de 2020

Despedindo a semana

Ola a todo o mundo!!
Hoxe como non, traemos máis vídeos dos artistas do Flavia para que os disfrutedes...

Mariña (2ºA) e Xela (Infantil 3 anos) presentan...Presto e largo!!


Uxío de 5ºA móstranos que ben soa o asubío de bugalla ou coco de carballo feito por él


María de 5º B fainos o seu acompañamento de "Havana" cos Cups



Xoel de Infantil 4 anos dálle ritmo ao seu ukelele. Olé!



Antía (Infantil 4 anos) e Noemi (2ºA) acompañando o musicograma e bailando co Valse das flores


Noemi  e Antía contan cal é a súa canción favorita das músicas do mundo e bailan o ritmo africano!


 E por último, despedimos esta emisión con estas chicas tan animadas cantando a canción "Quen poidera namorala". Música de Luis Emilio Batallán para un poema de Álvaro cunqueiro. Xa vos dixen eu que todos os días podemos celebrar as Letras Galegas!


Un biquiño, navegantes, e grazas a todos estes artistas que comparten con nós a súa arte!!
UN FORTE APLAUSO👏👏👏👏

jueves, 21 de mayo de 2020

Gozando coa nosa música

      Ola, navegantes! Hoxe tráiovos música galega. Os rapaces da escola de música e baile tradicional Abertal de A Rúa fixeron este precioso vídeo para festexar as Letras Galegas para que o escoitemos... e máis amén podemos alzar os brazos e brincar a tope con él!!


      Tamén vos propoño cantar un pouco. Imos lembrar algunhas das cancións que estabamos a preparar no cole para o Coro das Emocións. Hoxe imos practicar un pouco a canción Cocorico, que practicamos na aula de tres anos. Pero anímovos a practicala todos, tamén os compañeiros de 4 e 5 anos porque... sabedes unha cousa? Cando cantamos xuntos é cando soa máis bonito, pero para que nos saia ben, primeiro hai que quentar a voz e entonar un pouquiño...
     Comezamos coa nosa canción do Sol mi, sol mi... lembrádela? E os xestos?


E agora cantamos xuntiños a primeira estrofa e mailo retrouso de Cocorico




     Aquí vos deixo a canción enteira para que a cantedes e a bailedes moito, biquiños e chao, chao!!


miércoles, 20 de mayo de 2020

Cantando e bailando con choiva ou con sol

      Ola xentes curiosas! Hoxe aínda traio un vídeo precioso de Sorayamúsica para bailar coa música de "As pitas baixo a choiva" un conto de Carvalho Calero, o autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas. A música é moi famosa, porque saía nunha película do actor Gene Kelly "Bailando baixo a choiva". Hoxe temos un fermoso sol, pero bailámola igual  non, si? Imos aló!


E agora, imos cantar un pouco...

      Primeiro antes de cantar quentamos a voz coa nosa famosísima canción Daily Do. Se na vosa casa aínda non a coñecen, aproveitade para ensinarlla e practicar a entonación da escala de Do todos xuntos! Eu fago os xestos só cunha man porque estou tocando a arpa, vosoutros se pode ser facédeos coas dúas mans como faciamos na clase. Imos aló!


Xa estamos preparados para aprender unha cancionciña baseada nun poema de Rosalía...



Unha forte aperta, e ata a próxima!

martes, 19 de mayo de 2020

Todos os días son Letras Galegas

      Ola, navegantes! Como xa vos contaba o luns, nesta semana imos seguir a celebrar as nosas Letras e o noso patrimonio con vídeos tan chulos coma este de José Manuel López Cabana, no que nos propoñen un divertido xogo de preguntas sobre Carvalho Calero.


      Que tal, acertáchedes moitas das preguntas? Tamén vos quero mostrar este marabilloso libro online "Os instrumentos da música tradicional galega" do autor Pablo Carpintero Arias, publicado na web do Consello da Cultura Galega.  Hoxe vos mostrarei un instrumento de percusión, o albuche de cana. Facendo click aquí abaixo podedes aprender máis cousas sobre él...


      No vídeo que vos aparece escoitaredes como soa. Para construilo, só temos que furar os tubos que o forman e pasar unha corda por eles, tamén precisaremos un pau que nos sirva para rascar e percutir no instrumento. Por certo, que a min ocórreseme que se non temos canas tamén se poderían usar outros materiais, incluso materiais de refugallo como tubos de plástico, ou mesmo lápices! 

    Se queredes, contádeme que tal vos foi no preguntoiro, ou se vos animastedes a construir o albuche, coma sempre ao correo:

colexioflavia3@gmail.com

Chaooo, ata outro ratiño!


lunes, 18 de mayo de 2020

Sempre celebrando o día das Letras Galegas

Ola, xente curiosa! Nesta semana vouvos mostrar algúns dos traballos que fixeron diversos colectivos para celebrar o día das Letras Galegas, que foi este pasado domingo. Pero todos os días podemos celebralo e gozar coa nosa fala!
      Neste vídeo de Uxía, Tanxugueiras, Faia e outras colaboracións (Bluenn, Paulo Silva, etc...) escoitaremos unha preciosa versión musical dos versos do poeta Manuel María. 

      Xa que falamos da música galega quérovos mostrar unha páxina incrible adicada aos instrumentos da música tradicional galega. É a versión online do libro co mesmo nome do autor Pablo Carpintero Arias e está incluida na web do Consello da Cultura Galega.
Facede click no enlace aquì abaixo.

Aqúí o autor móstranos como construir un asubío cunha abelá, eu recoméndovos primeiro probar cun bugallo, esas bólas que saen nos carballos e son máis brandiñas para traballar...

Xa me contaredes que tal vos foi, se vos animades a construilo... coma sempre ao correo
colexioflavia3@gmail.com
Unha aperta, e ata outra!


viernes, 15 de mayo de 2020

FELIZ DÍA DA FAMILIA

Ola de novo!
Non quería deixar pasar a ocasión de felicitar a todas as fmilias no seu día. Non sei se víchedes o precioso vídeo que colgou a profe Charo na web do colexio, para que non vola perdades vouna compartir aquí tamén...

ESCOLA +FAMILIA= GRAN FAMILIA!

       E dende o blogue de artística tamén vos compartimos esta linda manualidade, unha familia con pauciños de madeira.



Unha aperta enorme, familias, e ata a semana que vén!

jueves, 14 de mayo de 2020

Despedindo a semana

Ola, navegantes. Esta semana temos un montón de colaboracións... qué ben!
 😀👏👏👏
Antía e Xoel bailando e seguindo o musicograma...


Xoel e Antía presentan uns libros de música súperchulos....



Antía e Noemi xogando ao espello

Noemi e Antía bailando a tope!!


Lucas Hermida, acompañando "Dance Monkey" cos "Cups"
Moi concentrado, bo traballo!


 Lucas Pérez tocando os seus instrumentos, sóanlle xenial!




E por último, Lucía Miguéns coa súa pandeireta agasállanos esta canción


NON TEÑO PALABRAS!! CANTO ARTE!!
SÓ PODO DICIR...

Que bonita é...

      Qué bonita é a Primavera! Cando chega, claro, aquí en Galicia a primavera ás veces aínda ten algo de frío, bastante de choiva e vento, algunha treboada... Ai, pero cando sae o sol e lucen todas esas frores sobre os mil e un verdes da nosa terriña, é unha marabilla!
      Así lle debeu parecer a Antonio Vivaldi, un gran compositor italiano de fai moito tempo, porque fixo unha música preciosa para a Primavera, ímola escoitar xunto cun pequeno conto creado por Musicaeduca...
      Agora vouvos propoñer mover o corpo con outra música, o "Valse das frores" do compositor ruso Piotr I. Tchaikovsky. Qué nome máis difícil tiña este compositor, non si?

Ideas para o movemento:
Sol: abrimos brazos e mans imitando as raiolas
Vento: Movemos os brazos aos lados e e sopramos
Nubes: Movemos as mans frente a cara, "tapando" o sol
Frores, Árbores: Bailamos e saltamos
Treboada: Pisamos forte para os tronos, mandamos raios coas mans...

Preparados, listos, xa!


Un biquiño forte, xentes curiosas, ata outro rato!

miércoles, 13 de mayo de 2020

Que viva a Primavera!

Ola navegantes! Espero que esteades a disfrutar da Primavera, aínda que este ano a vivamos diferente... Hoxe traio unha audición preciosa dun concerto adicado a Primavera polo famoso compositor Antonio Vivaldi. Aquí o tedes, co seu violín, el viveu fai moito tempo, pero é lembrado gracias a súa música, sobre todo aos seus concertos chamados " As catro estacións"

      Vouvos propoñer escoitar a audición neste vídeo acompañando con palmas. Temos que seguir ao director, que é a abelliña, e iremos dando unha palmada cada vez que a abella fai desaparecer un simbolo ( de flor, paxariño, etc...) Preparados? 


      Despois podemos imprimir esta ficha (podedes descargarla no enlace) e volvemos a escoitar a audición mentres a coloreamos.


      Compartídeme o voso musicograma coloreado para subir a nota na asignatura de musica! Só tedes que envialo ao correo electrónico

colexioflavia3@gmail.com

Unha forte aperta e ata outra, navegantes

martes, 12 de mayo de 2020

ADIVIÑANDO SONS

      Ola, xentes curiosas! Que vos parece se xogamos a detectives? Hai que adiviñar e escribir como son os sons que irei tocando coa pandeireta, co rato castañola ou coa arpa. Esto é un ditado musical!
      O primeiro que podedes facer é descargar ou copiar esta ficha para escribir nela

FICHA DITADO MUSICAL
   
     Agora, imos vendo e explicando cómo se fan os ditados. Primeiro faremos o ditado rítmico, só nos fixamos na DURACIÓN dos sons. Usaremos as duracións de Negra, Dobre corchea e Silencio de negra. Atentos ao vídeo no que vos explico como faremos:



Agora fago un exemplo



E aquí van dous ditados para que escribades vosoutros a solución na ficha. A ver se adiviñades ben!



Agora imos cos ditados melódicos. Neste caso, ímonos fixar na altura do son. Usaremos dúas alturas, ou sexa dúas notas: SOL e MI. Atentos á explicación e máis ao exemplo.


 E por último aquí van os dous ditados melódicos. Escribide as vosas solucións na ficha



Compartídeme as vosas respostas, como sabedes no correo

colexioflavia3@gmail.com

Esta tarefa, ao igual que o traballo sobre a vosa música favorita serve para subir nota, animádevos!
Tedes dúas semanas de prazo para entregala. Unha aperta e ata outra, navegantes!


lunes, 11 de mayo de 2020

Descubrindo as músicas do mundo

Ola, navegantes! Hoxe tráiovos unha proposta de investigación sobre as músicas e os instrumentos doutros países... Así sería a cousa:
1.Visualizar e escoitar os 5 vídeos de músicas do mundo.
2.Escoller un destes vídeos, e investigar sobre a música e os instrumentos deste lugar
3.Recoller os resultados desta investigación na ficha (DESCARGAR NESTE ENLACE) 

Prazo de entrega: dúas semanas (ata o luns 25 de maio)
Como enviar o traballo? Fotografiar ou escanear a ficha cuberta e mandala ao correo colexioflavia3@gmail.com

AQUÍ ESTAN OS CINCO VÍDEOS COS SEUS LUGARES DE PROCEDENCIA

GAMBIA (continente:África)



PERÚ (continente: América)


CHINA (continente: Asia)



REPÚBLICA DE MACEDONIA (continente: Europa) 
Por certo, este país non vos recorda un pouco a algo, jeje...


AUSTRALIA (continente: Oceanía)

      Estes vídeos, representativos da música de cinco países, son a miña proposta para que vos sirva de punto de partida. Pero se algúen ten curiosidade por investigar a música doutro país diferente dos que eu traio aquí, adiante! Non deixedes que nada deteña a vosa curiosidade musical. 
    Unha aperta e ata outra, xentes curiosas

viernes, 8 de mayo de 2020

Despedindo a semana

Ola a todos os navegantes e xentes curiosas!
Aquí traemos algúns vídeos dos compañeiros do cole, grandes artistas!

NICOLÁS E LEO mostrando os seus instrumentos feitos na casa... qué chulos!


NOEMI E ANTÍA dirixindo en "Forte, piano"


NOEMI E ANTÍA acompañan coas súas supermaracas a audición de Edvar Grieg.


Gracias a estes artistas e  a toda a nosa xente do Flavia, que sigades ben
Unha forte aperta e ata o luns!

jueves, 7 de mayo de 2020

O espello musical

      Ola! Coñecedes esta escea cómica dos irmáns Marx?
      A min encántame, é xenial! Pois hoxe vouvos propoñer xogar aos espellos, pero a uns espellos moi especiais. Esta é unha das actividades propostas na programación de Educación Responsable, e nos vai axudar a desenvolver o noso oído musical e a nosa memoria e empatía.
O XOGO DO ESPELLO MUSICAL
      Como se xoga? Pois é moi fácil, poñémonos dúas persoas de frente e unha inventa unha pequena música, algo sinxelo, tres ou catro notas: la, la, la, la. A outra persoa, que fai de reflexo, ten que imitalo o máis fielmente posible. Pouco a pouco podemos complicar o xogo, incluir sons como chasquidos, palmadas etc... E despois intercambiamos os papeis e o que facía de reflexo, agora é o que inventa músicas...
     Nesta famosa escea da película de Disney Brancaneves e os sete ananos, podemos ver como xogan ao espello musical a protagonista e máis un paxariño...


Anímovos a compartir os vosos mellores momentos xogando ao espello musical no correo

colexioflavia3@gmail.com 

ou ben comentándonos aquí no blogue... 

Chao, navegantes!


miércoles, 6 de mayo de 2020

Rápido ou amodiño?

      Ola navegantes! Que tal vos sentides hoxe? Cheos de enerxía, con ganas de saltar e correr ou un pouco desganados, sen forzas, frouxiños... Hai unha música para cada estado de ánimo, podemos atopar músicas rápidas ou lentas.  E hai unhas palabras especiais que se escriben nas partituras para que os que tocan a música saiban cómo debe soar. Hoxe imos aprender dúas:
Largo (lento, amodo)
Presto (rápido)
      E podemos bailar e movernos cos protagonistas deste divertido conto musical. Preparados, nos seus postos, xa!
      Ás veces, a música empeza lenta e pouco a pouco vaise volvendo máis rápida. A isto se lle chama accelerando ( si, como cando aceleramos nun coche). Vouvos compartir unha preciosa danza tradicional grega, o sirtaki, para que escoitedes este efecto. Pero o máis divertido é sentir o accelerando no corpo bailando o sirtaki,  probádeo.
      Hoxe logo despídovos en grego
τα λέμε σύντομα ta léme sýntoma
Quere dicir: Ata pronto!


martes, 5 de mayo de 2020

Con amigos, moito mellor

      Ola navegantes das redes!
      Non sei vosoutros, pero eu estou desexando poder reunirme cos amigos e amigas. Hai moitas cousas na vida que son mellores na compañía dos amigos. Xogar, pasear, montar en bici...
     En música, esto diríase así: é moi bonito escoitar a un solista, pero tocar nunha agrupación musical é moito máís divertido...
    Chamámoslle agrupacións musicais aos grupos de músicos. Por exemplo...
2 músicos... DÚO
3 músicos... TRÍO
4 músicos... CUARTETO
5 músicos... QUINTETO

  Imos disfrutar coa interpretación do cuarteto de cellos de Praga da banda sonora dunha peli moi coñecida. A ver se sabedes cal é... 

      E por último vouvos compartir outra banda sonora doutra peli súper coñecida, interpretada por un dúo ben coñecido no noso cole, os Melódica Men. Con eles pasamos moi bos ratos non si?

    Por certo, xa recibín moitos dos traballos convocados a semana pasada no meu correo. Están estupendos, moitas grazas. Animo aos que aínda non o fixeran a realizalo, estades en prazo e suben nota. Sairán publicados a finais da semana que vén.
 Unha aperta e ata outro ratiño, navegantes.

domingo, 3 de mayo de 2020

Cups!

      Ola xente curiosa! Hoxe vos traio un par de propostas para percutir con vasos acompañando dúas cancións moi coñecidas. Veña, ide buscar un par de vasos de material resistente (plástico duro, por exemplo) e imos aló!
      A primeira canción que imos acompañar é Havanna, de Camila Cabello.

    
      E a segunda, Dance Monkey, un éxito do noso antroido (lembrades? parece que pasou un milenio)

     A experimentar! Xa me contaredes que tal vos foi. Coma sempre, para compartir podedes usar o meu correo (para mandar mensaxes, vídeos, audios ou imaxes)
colexioflavia3@gmail.com
ou escribir nos comentarios do blogue (só texto).
      Por certo, xa van chegando ao correo moitos traballos sobre compositores (os que se propuxeron a semana pasada), os que aínda non o fixeron, animádevos a mandalo! Aínda estades en prazo, suben nota e sairán publicados a finais da semana que vén...
Apertas virtuais!

BO NADAL... E AÍNDA MELLOR CON MÚSICA!

  AQUÍ TEDES O "CAROL OF THE BELLS" UNHA PEZA DE NADAL DE UCRAÍNA (COMPOSITOR Mykola Leontovych, LETRA  Peter J. Wilhousky) INTERP...