miércoles, 29 de abril de 2020

Despedimos a semana



    E xa despedimos a semana cun vídeo das nosas compañeiras Noemi e Antía, que cantaron, bailaron, solfexaron cos xestos a escala de Do e adiviñaron sons dos animais… unha semana ben entretidiña!




      Tamén nos comparten este vídeo Mario e Adriana González, xogando a experimentar cos sons da casa.


Moitas grazas a todos os compañeiros que nos compartiron vídeos, comentarios, etc...


Con moito agarimo vos desexo que o pasedes ben nestes días. Ata o luns navegantes!!


Construindo unha maraca e seguindo o pulso!

      Ola, navegantes, qué tal estades hoxe? Eu hoxe levanteime con ganas de... construir un instrumento! Así que veña, imos ver cómo Deva nos explica qué precisamos e cómo construir unha estupenda maraca de arroz.


 
 
      Cando xa teñades as vosas maracas, podémolas estrear acompañando unha audición: un fragmento da obra "Peer Gynt" do compositor Edvar Grieg.  Vouvos propoñer seguir o pulso, como nos indican na primeira das actividades de música propostas por Educación Responsable para facer na casa.
       E como é iso de seguir o pulso? Pois moi fácil, o pulso é como o corazón da música, una percusión sempre igual, continua.
       Pero cando corremos, o noso pulso acelérase, non si? Pois na música pasa igual, e cando a música vaia máis rápido, nosoutros tamén aceleraremos con ela. Preparados? Imos! 
 
 
Xa sabedes que me podedes contar que tal foi esta actividade nos comentarios do blogue ou no correo
Unha forte aperta!

martes, 28 de abril de 2020

Danzando e cantando... forte ou piano!


      Ola navegantes! Hoxe é o día da Danza, así que o primeiro que vos vou propoñer é mover o corpo con esta proposta do Salón do libro de Pontevedra. Este curso non imos poder ir de excursión alí como outros anos, pero sí podemos acudir virtualmente e asistir a unha marabillosa actividade de danza co grupo Pesdelán. As 12, lembrade conectar coa canle de Youtube do Salon do libro de Pontevedra e... a gozar coa danza!

          Tamén vos quero propoñer unha canción súper chula para practicar as intensidades da música. Mentres cantamos a canción coa simpática orquestra de animáis temos que fixarnos moito! Porque a música ás veces soa moi suave (pianissimo), suave (piano), forte ou fortissimo... Mesmo podemos dirixir a orquestra! Fixádevos na vaca directora, imos imitar os seus xestos: mansarriba para o forte, mans abaixo para o piano. Imos aló!



Que pasedes un bo día danzando e cantando... Unha fortissima aperta

A MIÑA MÚSICA FAVORITA

    Ola, xente! Esta é a entrada adicada aos niveis de 3º e 4º de Primaria, pero xa sabedes que estamos abertos á colaboración de calquera navegante. Se este proxecto te motiva, adiante! Non vos cortedes de participar.
      Hoxe vouvos propoñer que presentedes a vosa música favorita. Os pasos para realizar o traballo serían:

1. Elixe unha música que che encante escoitar.
2. Quen a inventou, quen é o compositor ou compositora?
3. Quen a toca, quen é o intérprete?
4. Cal cres que é o estilo da túa música favorita?
Clásica
Jazz
Pop
Rap
Tradicional ou folque
Outros
5. Cóntanos por qué che gusta esta música e que sintes cando a escoitas (relax, alegría, tristeza, sorpresa…). Podes observar cómo reacciona teu corpo (ganas de moverse, ou de estar tumbado, pechar os ollos, berrar…)
6. Fai un debuxo e busca unha imaxe que represente a túa música.
7. Escribe os resultados da túa investigación na ficha (clica no enlace aquí debaixo)

FICHA TRABALLO MÚSICA FAVORITA
Como enviar o traballo? Fotografiar ou escanear a ficha cuberta e mandala ao correo colexioflavia3@gmail.com

      Veña, que empezo eu presentándovos una das miñas músicas favoritas (teño moitas...😉)

A MIN ENCÁNTAME ESCOITAR...
DABA, DA ARTISTA MARROQUÍ OUM


      A cantante chámase Oum El Ghaït BentelSahrawy, ela compón e canta as súas cancións. Tamén fixo os debuxos que aparecen como animacións no vídeo.

      Na súa música mestura diferentes estilos: soul, jazz, electrónica, música tradicional do Sáhara (usa moito a lingua Hassani propia das culturas do deserto) e ritmos africanos...

      A canción chámase Daba, isto significa "Agora" e fala do importante que é saber parar e vivir con tranquilidade, frear ese ritmo tan acelerado e estresante ao que nos leva a vida nestes tempos modernos. Parece moi apropiado para quedar na casa non é?

     Cando escoito esta canción sinto paz, pero ao mesmo tempo dáme gana de bailar, de moverme e deixarme levar sen pensar en nada, como se eu fose a auga dun río que está sempre a andar ou unha árbore movéndose co vento...

Aquí vos poño un debuxo que expresa un pouco o que sinto…


      Se vos gustan estes efectos coas acuarelas, son moi divertidos e fáciles de facer. Primeiro hai que mollar una cartulina ou papel grueso un pouco co pincel. Despois imos deixando ir manchas de cor que se xunten un pouco entre elas, poñemos uns grans de sal grosa por riba e deixamos secar ben (podemos acelerar o proceso cun secador). Cando estea ben seco, pintamos a árbore ou outra figura con pintura negra ben cargada e as estreliñas máis a lúa con témpera branca.

 Arrivederci! Ata mañá!



lunes, 27 de abril de 2020

BUSCANSE COMPOSITORES E COMPOSITORAS

      Ola, navegantes! Benvidos á última semana de abril. Espero que todos esteades ben e con ganas de investigar porque hoxe vos propoño... un traballo detectivesco!

      Moitas gracias a Mª Jesús Camino Rentería por este precioso cartel que compartimos aquí.

Vouvos explicar o traballo de investigación, atentos!
1. Elexir do listado o compositor ou compositora sobre o que queres investigar.
2. Investiga: lugar de nacemento e morte, biografía, obras (elixe unha para escoitar e dinos que che pareceu)
3. Cóntanos onde atopaches a información (libros, web, etc.)
4. Engade unha imaxe do compositor/a e un debuxo (técnica libre) que represente a música que escoitache.
5. Usa a ficha para plasmar o teu traballo. (imprime a ficha que che sae clicando aquí debaixo)

FICHA TRABALLO COMPOSITORES

6. Ordea na liña do tempo os 16 autores e autoras propostos. Onde vai o teu?
7. Os traballos publicaranse no blogue de música ordeados cronolóxicamente.


Listado de compositores e compositoras
1. Rosa García Ascot
2. Martín Códax
3. Francesca Caccini
4. Claudio Monteverdi
5. Wolfang Amadeus Mozart
6. Ludwig van Beethoven
7.Antonio Vivaldi
8. Hildegard de Bingen
9. Johann Sebastian Bach
10. Cècile Chaminade
11. Nadia Juliette Boulanger
12. Piotr Ilich Tchaikovsky
13. Claude Debussy
14. Manuel de Falla
15. Clara Schumann
16. Igor Stravinsky

Prazo de entrega: dúas semanas (ata o luns 11 de maio)


Como enviar o traballo? Fotografiar ou escanear a ficha cuberta e mandala ao correo colexioflavia3@gmail.com


viernes, 24 de abril de 2020

DESPEDINDO A SEMANA

      Rematamos unha semaniña máis, navegantes do confín da Terra. Nesta semana tuvemos dúas conmemoracións moi bonitas, o día da Terra e o día do Libro, que podemos seguir a celebrar cada día! Tamén tuvemos todo tipo de actividades e propostas: vimos aos artistas de Infantil tocando e percutindo con canta cousa atoparon pola casa, bailamos cos peixiños de Saint-Säens, construimos frautas, xogamos a aprender ritmos e notas, un pouo de todo!!
      A partires da semana que vén as entradas para cada grupo de idade estarán repartidas por días, deste xeito:
Luns: 5º e 6º de Primaria
Martes: 3º e 4º de Primaria
Mércores: 1º e 2º de Primaria
Xoves: Educación Infantil
Venres: Común (se queredes compartir vídeos, audios, mensaxes varias cos compañeiros, sairán publicadas os venres)
 
      Por suposto, podedes explorar tooodas as entradas do blogue, xa sabedes que a mín encántame a xente curiosa!!
 
      E tamén vos animo a compartir os vosos logros, sentimentos, como ides superando cada reto diario... mediante vídeos, audios, mensaxes que podedes enviar ao correo
ou por suposto tamén nos comentarios do blogue.
 
     Déixovos cunha das cancións favoritas do noso cole... FOGO NICOLÁS
 
 
  Uha forte aperta, navegantes, e ata a semana que vén!

As figuras rítmicas e as notas musicais

 
      Ola navegantes! Hoxe veño cunhas amigas, as figuras rítmicas e as notas musicais. Eu sei que xa as coñecedes, pero hai quen as confunde ou quen non se lembra moi ben dos seus nomes, para que serven… Así que mellor será repasar un pouco, para que non se nos enfaden... O primeiro, lembrade para que serven todas elas: NOTAS MUSICAIS E FIGURAS RITMICAS SERVEN PARA ESCRIBIR A MÚSICA.
 
FIGURAS RÍTMICAS
 
       Se só queremos escribir un ritmo, só temos que definir a duración dos sons que forman o ritmo. Para isto, usamos as figuras rítmicas. Observa na seguinte imaxe canto dura cada figura e o seu silencio. Ollo, os silencios son tan importantes coma os sons!
 
 

 
 
      O VALOR das figuras rítmicas, e decir, canto duran vén expresado nas rectas brancas e amarelas (negra=1, branca=2, redonda=4, corchea=medio, semicorchea=un cuarto e os seus silencios igual).
      A EQUIVALENCIA entre as figuras rítmicas vén expresada nas "pizzas" e nas fraccións que expresan como podemos intercambiar as figuras. Se xogamos ao banco e as figuras fosen cartos, eu podo cambiar unha negra por catro corcheas? Nooon, só me darían dúas corcheas!! (un cero, Nuria, jaja).
 
NOTAS MUSICAIS
     
      Se queremos escribir unha melodía, unha canción, imos ter que escribir a altura (ademáis do ritmo). Para iso usaremos o PENTAGRAMA e a CLAVE.
      Colocando a clave ao inicio do pentagrama xa nos di o lugar que ocuparán as notas. Se usamos a clave de sol, a nota SOL vai estar na segunda liña e as outras nas liñas e espazos relativos, na orde da escala. Mmmm este pode ser un bo momento para cantar unha escala. Lembrades os signos das mans? Imos aló! Thanks to Serena Parker!
 
      Agora fixádevos no lugar que ocupa cada nota no pentagrama con clave de Sol en 2a línea:
      Como vedes, aquí as notas están escritas con figuras de redonda. Podemos escribir cada nota con calquera das diferentes figuras rítmicas para expresar canto dura cada nota. Neste outro exemplo, a escala de do está escrita con figuras de negra. Fixádevos cómo se escriben as plicas, as plicas das notas si e do agudo van para abaixo polo lado esquerdo.

 
     
      E os silencios? Qué pensades, terán tamén o seu lugar no pentagrama? Pois os silencios non teñen un lugar fixo, simplemente escríbense no compás que corresponda. Excepto o silencio de branca, que vai enriba da 3ª liña ou o silencio de redonda que vai baixo da 4ª liña.

     Ben, que tal? Xa tendes todo isto un pouco máis claro? Espero que si, porque agora ven....
O RETO!!!! Atrevédevos a facer este supertest e demostrade canto sabedes! Premede no enlace e despois xa me contades nos comentarios que tal vos foi ( e o nome que vos da a aplicación, vale?).

PREMER NO ENLACE ↓

TEST FIGURAS RITMICAS E NOTAS MUSICAIS
  

 




jueves, 23 de abril de 2020

Como peixes na auga

     Ola navegantes! Esta entrada de hoxe está adicada especialmente aos exploradores de Infantil, pero calquera outro navegante pode disfrutala tamén sen problemas!
        Hoxe vouvos propoñer unha actividade de música e movemento coa audición "Acuario" do compositor Camille de Saint-Säens.
      Este compositor fíxose famoso pola súa obra "O Carnaval dos animais" e esta peza pertence a dita obra. Eu vos propoño bailar cun personaxe distinto en cada parte da obra. Se vos fixades no video con cada parte da música aparece un animal distinto.
   Parte A: bailamos como peixes, desprazandonos polo espazo
   Parte B: bailamos como estrelamar, abrindo pernas e brazos
   Parte C: bailamos como cabaliños de mar ou camaróns, ondulando o corpo
  Coda descendente: movemos os tentáculos como polbos  e imos descendendo ata pousarnos no chan, no fondo do mar. Aquí podemos quedar uns segundos relaxados cos ollos pechados.
        Outra proposta é facer o noso propio cadro do acuario mentres escoitamos música relaxante. Aquí van unhas ideas para inspirarse...
      E para rematar, como hoxe é o día do Libro déixovos o contacontos do peixe Arcoíris, ese libro que temos na biblioteca do cole e que tanto vos gusta... Hoxe teredes contidos especiais no blogue e máis no Instagram da flavioteca.
  
 
Unha aperta peixiños e estrelamares! 




     

miércoles, 22 de abril de 2020

Xogando e aprendendo ritmos e notas

      Ola! Hoxe teño unha actividade especialmente adicada á xente de 1º e 2º de Primaria, aínda que a quen lle apeteza pode sumarse a facela, porque é moi divertida... Vouvos enviar para que xoguedes e cantedes na casa a nosa canción das notas, co ratiño saltarín. Lembrades como xogábamos na clase? Con cada nota hai que buscar unha cor pola casa e tocala. O código de cores, era...
Do: vermello
Re: laranxa
Mi: amarelo
Fa: verde
Sol: azul
La: azul escuro
Si: violeta
      A xogar! E non esquezades cantar Sol mi la sol mi, facendo os xestos das notas!


      Moi ben, pois agardo que disfrutedes con estas propostas e xa sabedes, estou desexando saber cómo vos foi. Contádeme nos comentarios do blogue ou escribide ao correo 
colexioflavia3@gmail.com
      Unha aperta e ata pronto!

martes, 21 de abril de 2020

Construindo e tocando!

      Ola, xentes curiosas! Este é un vídeo especialmente adicado aos frautistas de 3.º, 4.º, 5.º e 6.º de Primaria. Nel veredes como Abraham Cupeiro mostra como construir rápida e sinxelamente unha frautiña de caña. Por suposto, estas frautas tamén se poden facer cunha palla de centeo ou similar. Pero seguro que pola casa tendes algunha destas palliñas de refresco para darlles unha nova vida...


         
      Pois veña, a experimentar e buscarlle as voltas ao voso instrumento. Xa sabedes  que estou desexando ver o resultado! Podedes contarme qué tal vos foi, mesmo inventar unha canción coa vosa frauta de palla e compartila nun audio ou vídeo...
Coma sempre, enviade as vosas achegas  ao correo electrónico 
colexioflavia3@gmail.com
Ou escribindo nos comentarios deste blogue. 
                                             Unha aperta, e que as Artes nos acompañen!

Máis artistas experimentan coa música

      Temos máis artistas decididos a experimentar coa percusión. Pasándoo moi ben e derrochando enerxía! Se vai chegando algún vídeo máis irán apareciendo nesta entrada... 

Antía
      


 
Xoel
 
 
Manuel Sobrino
 


lunes, 20 de abril de 2020

COMEZA UN TRIMESTRE DIFERENTE...

      Ola, navegantes! Esta entrada está adicada sobre todo aos meus alumnos do colexio Flavia, pero tamén á todos os nenos e nenas que dende hai máis de un mes miran o mundo dende a ventana e comunícanse co mundo exterior polo teléfono ou polo ordenador... Dende este medio virtual quérovos facer chegar un agarimoso saúdo, unha aperta virtual e felicitarvos pola vosa paciencia, a vosa alegría e as vosas ganas de superar todas as dificultades. Sodes un exemplo para os maiores e seguro que o seguiredes demostrando cando o próximo luns poidades saír a dar un paseo xunto coa familia.
      Eu como profe de música vos podo contar que boto moitísimo de menos darvos clase no colexio e poder falar con vós, pero sobre todo non poder cantar, bailar, tocar e aprender xuntos compartindo a nosa aula de Música ou crear nas horas de Plástica... ás veces síntome un pouco triste.  
      Pero non vale rendirse!!
      Temos que seguir conectados e atrevernos a seguir aprendendo a pesares de todas as dificultades. Por sorte, as familias están ahí acompañándovos e sempre botando unha man para colaborar nas vosas aprendizaxes. En Música e Plástica eu seguirei propoñendo actividades para realizar, e por favor, facédeme saber cómo funcionan e mostrádeme os vosos logros, ben sexa polo e-mail
ou escribindo nos comentarios deste blogue. Durante este trimestre, ao mellor tamén podemos experimentar con outras vías de comunicación xa vos irei contando...
      Hoxe adícovos este vídeo cunha canción composta por Rozalén nestes tempos tan raros que nos toca vivir.
 
 
      Somos aves engaioladas, máis as nosas mentes seguen a voar. Que nada vos impida voar, e contade con nós os vosos profes para o que precisedes.
 
UNHA APERTA

 

viernes, 17 de abril de 2020

Os artistas de 5º de Educación Infantil

   Ola, xentes curiosas! Hoxe vou presentar a uns artistas que dende as súas casas nos mostran cómo experimentar e xogar co son das cousas que andan pola cociña. Que divertido! Grazas ás súas familias e á profe Isa, que están a facer que o confinamento sexa una oportunidade para a descoberta e exploración.
 

      Aquí queda este vídeo que montei con todas as aportacións. Espero que vos guste e vos sirva de inspiración para realizar algunha máis das actividades propostas. Por exemplo…
 
      Lembrades que na programación de actividades nos proponen unha sobre a escoita. Trátase de quedar calados e escoitar os sons da casa, da rúa... Se facemos esta actividade pola mañá cedo ou ao caer a tarde e temos algo de zona verde perto da casa seguramente escoitaremos un montón de cantos de paxaros. Sempre é interesante pararse e escoitar, tamén vos propoño para ampliar xogar con estas actividades de discriminación auditiva. A ver se sodes quen de adivinar os sons! Chao!
 


martes, 14 de abril de 2020

Percutindo na cociña

      Ola a todos! Aquí seguimos, resistindo o confinamento na nave das artes. Hoxe vos propoño navegar e explorar pola web dos recursos ofertados polo programa de Educación Responsable, que estamos a desenvolver no noso colexio. Nela atoparedes actividades para o traballo das emocións, descobertas polos mundos da arte, literatura, e por suposto da música co Coro das Emocións


      Por suposto, iremos acompañándovos na exploración e descoberta destas actividades nos vindeiros días... Por exemplo, hai unha actividade para descubrir como soan as cousas da casa. Na cociña hai un montón de sons escondidos esperando a que os probemos. Mirade neste vídeo que peza de percusión máis chula con obxectos do máis común. "Kitchen Music"


      Espero que vos sirva de inspiración. Lembrade que se vos animades a levar a cabo calquera destas actividades ou queredes recomendar outras actividades artísticas, podedes compartir o resultado enlazando nos comentarios do blog, ou no meu correo 
colexioflavia3@gmail.com
      Unha grande aperta da vosa profe de música.

miércoles, 8 de abril de 2020

Recursos musicais online

Ola, xentes curiosas! Hoxe quérovos mostrar un canal de YouTube súper interesante con propostas musicais e moitos recursos creado por Carla López


Que o desfrutedes! Una aperta

lunes, 6 de abril de 2020

Músicas que traen contos e contos con música

    Un saúdo, navegantes! Como levades a vosa travesía? Dende o barco das musas hoxe traemos una proposta coa que podedes mesturar artes plásticas, narrativas e musicais. Trátase de escoitar una música e inventar un conto que vos pareza que queda ben con ela. Despois podemos contalo coa música de fondo, facerlle unas ilustracions ou mesmo montar un teatriño de monicreques e representalo coa música de fondo. Aquí vos deixo un exemplo no que Deva, a miña axudante e musa en prácticas, inventou a historia e fixo os monicreques con pezas de fieltro e paus, eu poño voz á narración e xuntas manexamos os monicreques. Tamén hai que agradecer a Pablo que nos gravou co móvil. Seguimos a experimentar e a aprender, esto de conseguir que nos quede ben un vídeo, ten a sua cousa. En fin, este foi o resultado: o conto de mr. Hunter.

    Animádevos agora a experimentar tamén! Escollede una música que vos preste, inventade un conto para ela, escribide o conto e ilustrádeo, ou ben creade as personaxes do conto como monicreques e representádeo. Se completades este reto, podedes mandar o resultado como documento ou como vídeo ao correocolexioflavia3@gmail.com
    Por certo, lembrades os romances? Neste curso eu vos falei dos romances tradicionais tanto galegos como casteláns. Son contos con música, que antiguamente os músicos ambulantes cantaban por vilas e cidades. Estes músicos ambulantes moitas veces acompañaban a súa narración cun retablo que era un panel coas ilustracións do romance.

    Despois da actuación moitas veces vendían copias en pequeño formato do romance coas ilustracións, chamadas pliegos de cordel. Se algunha vez viaxades por Castilla, podedes parar no bonito pueblo de Urueña e alí visitar o  Museo da Fundación Joaquín Díaz, onde gardan unha magnífica colección de pliegos de cordel con romances e cantares de cego.
    Xa vedes, que esta pode ser outra maneira de ilustrar a música. Déixovos co romance do cego andante, na versión do disco Pelo gato vintecatro. Este romance estuvémolo cantando co Coro das emocións que traballaron neste curso o alumnado de 6º.
 
 
Ata outra!
 
 
 
 
    
 

viernes, 3 de abril de 2020

O grande Beethoven

    Ola, navegantes! Nesta semana co noso colexio tiñamos programada unha saída ao Auditorio de Galicia en Santiago para ver e escoitar un concerto adicado a Beethoven. Naturalmente este concertos foi suspendido pola emerxencia sanitaria que estamos a vivir. A boa nova é que nos comunicaron que poderemos asistir a él no seguinte curso. E aquí vos traio no blogue algunas propostas para lembrar ao grande compositor e gozar coa súa música...
    O primeiro, lembrar que no presente ano 2020 conmemoramos os 250 anos do nacemento de Ludwig van Beethoven na vila alemá de Bonn. Pero case mellor escoitamos a Sheila Blanco cantarnos a biografía máis orixinal de Beethoven coa música da súa Quinta Sinfonía.
 
Aquí tedes tamén unha divertida proposta para saber máis de Beethoven explorando o seu escritorio
 
Por último, déixovos cunha preciosa animación dos estudios Disney sobre a súa Sinfonía Pastoral. Que as Artes nos acompañen!
 
 

miércoles, 1 de abril de 2020

Feliz día das Artes Galegas!

    Ola! Todos os días son bos para celebrar as Artes, pero hoxe é o día adicado ás Artes Galegas, e máis concretamente se lle fai unha homenaxe ao arquitecto Domingo de Andrade, quen traballou como Mestre Maior de obras da Catedral Compostelán e a quen debemos o Pórtico Real da Quintana, a Casa da Parra e a Casa da Conga, entre outras importantes obras.
    Sabes cal destas obras é a que aparece no debuxo xunto a él? Investiga, e se o averiguas, cóntamo nos comentarios ou ao correo electrónico colexioflavia3gmail.com 
     Estou desexando ler as vosas respostas!
    Outra proposta artística moi interesante é a que nos ofertan dende a Cidade da Cultura. Seica por alí anda nestes días unha simpática personaxe, a raposa Fedella, astuta e seareira da Arte. Explorade neste enlace e atoparedes retos, pescudas e actividades apaixoantes...

https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/aventuras-no-monte-das-artes-resolve-os-retos-da-raposa-fedella

BO NADAL... E AÍNDA MELLOR CON MÚSICA!

  AQUÍ TEDES O "CAROL OF THE BELLS" UNHA PEZA DE NADAL DE UCRAÍNA (COMPOSITOR Mykola Leontovych, LETRA  Peter J. Wilhousky) INTERP...