martes, 28 de abril de 2020

A MIÑA MÚSICA FAVORITA

    Ola, xente! Esta é a entrada adicada aos niveis de 3º e 4º de Primaria, pero xa sabedes que estamos abertos á colaboración de calquera navegante. Se este proxecto te motiva, adiante! Non vos cortedes de participar.
      Hoxe vouvos propoñer que presentedes a vosa música favorita. Os pasos para realizar o traballo serían:

1. Elixe unha música que che encante escoitar.
2. Quen a inventou, quen é o compositor ou compositora?
3. Quen a toca, quen é o intérprete?
4. Cal cres que é o estilo da túa música favorita?
Clásica
Jazz
Pop
Rap
Tradicional ou folque
Outros
5. Cóntanos por qué che gusta esta música e que sintes cando a escoitas (relax, alegría, tristeza, sorpresa…). Podes observar cómo reacciona teu corpo (ganas de moverse, ou de estar tumbado, pechar os ollos, berrar…)
6. Fai un debuxo e busca unha imaxe que represente a túa música.
7. Escribe os resultados da túa investigación na ficha (clica no enlace aquí debaixo)

FICHA TRABALLO MÚSICA FAVORITA
Como enviar o traballo? Fotografiar ou escanear a ficha cuberta e mandala ao correo colexioflavia3@gmail.com

      Veña, que empezo eu presentándovos una das miñas músicas favoritas (teño moitas...😉)

A MIN ENCÁNTAME ESCOITAR...
DABA, DA ARTISTA MARROQUÍ OUM


      A cantante chámase Oum El Ghaït BentelSahrawy, ela compón e canta as súas cancións. Tamén fixo os debuxos que aparecen como animacións no vídeo.

      Na súa música mestura diferentes estilos: soul, jazz, electrónica, música tradicional do Sáhara (usa moito a lingua Hassani propia das culturas do deserto) e ritmos africanos...

      A canción chámase Daba, isto significa "Agora" e fala do importante que é saber parar e vivir con tranquilidade, frear ese ritmo tan acelerado e estresante ao que nos leva a vida nestes tempos modernos. Parece moi apropiado para quedar na casa non é?

     Cando escoito esta canción sinto paz, pero ao mesmo tempo dáme gana de bailar, de moverme e deixarme levar sen pensar en nada, como se eu fose a auga dun río que está sempre a andar ou unha árbore movéndose co vento...

Aquí vos poño un debuxo que expresa un pouco o que sinto…


      Se vos gustan estes efectos coas acuarelas, son moi divertidos e fáciles de facer. Primeiro hai que mollar una cartulina ou papel grueso un pouco co pincel. Despois imos deixando ir manchas de cor que se xunten un pouco entre elas, poñemos uns grans de sal grosa por riba e deixamos secar ben (podemos acelerar o proceso cun secador). Cando estea ben seco, pintamos a árbore ou outra figura con pintura negra ben cargada e as estreliñas máis a lúa con témpera branca.

 Arrivederci! Ata mañá!



No hay comentarios:

Publicar un comentario

BO NADAL... E AÍNDA MELLOR CON MÚSICA!

  AQUÍ TEDES O "CAROL OF THE BELLS" UNHA PEZA DE NADAL DE UCRAÍNA (COMPOSITOR Mykola Leontovych, LETRA  Peter J. Wilhousky) INTERP...