martes, 12 de mayo de 2020

ADIVIÑANDO SONS

      Ola, xentes curiosas! Que vos parece se xogamos a detectives? Hai que adiviñar e escribir como son os sons que irei tocando coa pandeireta, co rato castañola ou coa arpa. Esto é un ditado musical!
      O primeiro que podedes facer é descargar ou copiar esta ficha para escribir nela

FICHA DITADO MUSICAL
   
     Agora, imos vendo e explicando cómo se fan os ditados. Primeiro faremos o ditado rítmico, só nos fixamos na DURACIÓN dos sons. Usaremos as duracións de Negra, Dobre corchea e Silencio de negra. Atentos ao vídeo no que vos explico como faremos:



Agora fago un exemplo



E aquí van dous ditados para que escribades vosoutros a solución na ficha. A ver se adiviñades ben!



Agora imos cos ditados melódicos. Neste caso, ímonos fixar na altura do son. Usaremos dúas alturas, ou sexa dúas notas: SOL e MI. Atentos á explicación e máis ao exemplo.


 E por último aquí van os dous ditados melódicos. Escribide as vosas solucións na ficha



Compartídeme as vosas respostas, como sabedes no correo

colexioflavia3@gmail.com

Esta tarefa, ao igual que o traballo sobre a vosa música favorita serve para subir nota, animádevos!
Tedes dúas semanas de prazo para entregala. Unha aperta e ata outra, navegantes!


lunes, 11 de mayo de 2020

Descubrindo as músicas do mundo

Ola, navegantes! Hoxe tráiovos unha proposta de investigación sobre as músicas e os instrumentos doutros países... Así sería a cousa:
1.Visualizar e escoitar os 5 vídeos de músicas do mundo.
2.Escoller un destes vídeos, e investigar sobre a música e os instrumentos deste lugar
3.Recoller os resultados desta investigación na ficha (DESCARGAR NESTE ENLACE) 

Prazo de entrega: dúas semanas (ata o luns 25 de maio)
Como enviar o traballo? Fotografiar ou escanear a ficha cuberta e mandala ao correo colexioflavia3@gmail.com

AQUÍ ESTAN OS CINCO VÍDEOS COS SEUS LUGARES DE PROCEDENCIA

GAMBIA (continente:África)



PERÚ (continente: América)


CHINA (continente: Asia)



REPÚBLICA DE MACEDONIA (continente: Europa) 
Por certo, este país non vos recorda un pouco a algo, jeje...


AUSTRALIA (continente: Oceanía)

      Estes vídeos, representativos da música de cinco países, son a miña proposta para que vos sirva de punto de partida. Pero se algúen ten curiosidade por investigar a música doutro país diferente dos que eu traio aquí, adiante! Non deixedes que nada deteña a vosa curiosidade musical. 
    Unha aperta e ata outra, xentes curiosas

viernes, 8 de mayo de 2020

Despedindo a semana

Ola a todos os navegantes e xentes curiosas!
Aquí traemos algúns vídeos dos compañeiros do cole, grandes artistas!

NICOLÁS E LEO mostrando os seus instrumentos feitos na casa... qué chulos!


NOEMI E ANTÍA dirixindo en "Forte, piano"


NOEMI E ANTÍA acompañan coas súas supermaracas a audición de Edvar Grieg.


Gracias a estes artistas e  a toda a nosa xente do Flavia, que sigades ben
Unha forte aperta e ata o luns!

jueves, 7 de mayo de 2020

O espello musical

      Ola! Coñecedes esta escea cómica dos irmáns Marx?
      A min encántame, é xenial! Pois hoxe vouvos propoñer xogar aos espellos, pero a uns espellos moi especiais. Esta é unha das actividades propostas na programación de Educación Responsable, e nos vai axudar a desenvolver o noso oído musical e a nosa memoria e empatía.
O XOGO DO ESPELLO MUSICAL
      Como se xoga? Pois é moi fácil, poñémonos dúas persoas de frente e unha inventa unha pequena música, algo sinxelo, tres ou catro notas: la, la, la, la. A outra persoa, que fai de reflexo, ten que imitalo o máis fielmente posible. Pouco a pouco podemos complicar o xogo, incluir sons como chasquidos, palmadas etc... E despois intercambiamos os papeis e o que facía de reflexo, agora é o que inventa músicas...
     Nesta famosa escea da película de Disney Brancaneves e os sete ananos, podemos ver como xogan ao espello musical a protagonista e máis un paxariño...


Anímovos a compartir os vosos mellores momentos xogando ao espello musical no correo

colexioflavia3@gmail.com 

ou ben comentándonos aquí no blogue... 

Chao, navegantes!


miércoles, 6 de mayo de 2020

Rápido ou amodiño?

      Ola navegantes! Que tal vos sentides hoxe? Cheos de enerxía, con ganas de saltar e correr ou un pouco desganados, sen forzas, frouxiños... Hai unha música para cada estado de ánimo, podemos atopar músicas rápidas ou lentas.  E hai unhas palabras especiais que se escriben nas partituras para que os que tocan a música saiban cómo debe soar. Hoxe imos aprender dúas:
Largo (lento, amodo)
Presto (rápido)
      E podemos bailar e movernos cos protagonistas deste divertido conto musical. Preparados, nos seus postos, xa!
      Ás veces, a música empeza lenta e pouco a pouco vaise volvendo máis rápida. A isto se lle chama accelerando ( si, como cando aceleramos nun coche). Vouvos compartir unha preciosa danza tradicional grega, o sirtaki, para que escoitedes este efecto. Pero o máis divertido é sentir o accelerando no corpo bailando o sirtaki,  probádeo.
      Hoxe logo despídovos en grego
τα λέμε σύντομα ta léme sýntoma
Quere dicir: Ata pronto!


martes, 5 de mayo de 2020

Con amigos, moito mellor

      Ola navegantes das redes!
      Non sei vosoutros, pero eu estou desexando poder reunirme cos amigos e amigas. Hai moitas cousas na vida que son mellores na compañía dos amigos. Xogar, pasear, montar en bici...
     En música, esto diríase así: é moi bonito escoitar a un solista, pero tocar nunha agrupación musical é moito máís divertido...
    Chamámoslle agrupacións musicais aos grupos de músicos. Por exemplo...
2 músicos... DÚO
3 músicos... TRÍO
4 músicos... CUARTETO
5 músicos... QUINTETO

  Imos disfrutar coa interpretación do cuarteto de cellos de Praga da banda sonora dunha peli moi coñecida. A ver se sabedes cal é... 

      E por último vouvos compartir outra banda sonora doutra peli súper coñecida, interpretada por un dúo ben coñecido no noso cole, os Melódica Men. Con eles pasamos moi bos ratos non si?

    Por certo, xa recibín moitos dos traballos convocados a semana pasada no meu correo. Están estupendos, moitas grazas. Animo aos que aínda non o fixeran a realizalo, estades en prazo e suben nota. Sairán publicados a finais da semana que vén.
 Unha aperta e ata outro ratiño, navegantes.

domingo, 3 de mayo de 2020

Cups!

      Ola xente curiosa! Hoxe vos traio un par de propostas para percutir con vasos acompañando dúas cancións moi coñecidas. Veña, ide buscar un par de vasos de material resistente (plástico duro, por exemplo) e imos aló!
      A primeira canción que imos acompañar é Havanna, de Camila Cabello.

    
      E a segunda, Dance Monkey, un éxito do noso antroido (lembrades? parece que pasou un milenio)

     A experimentar! Xa me contaredes que tal vos foi. Coma sempre, para compartir podedes usar o meu correo (para mandar mensaxes, vídeos, audios ou imaxes)
colexioflavia3@gmail.com
ou escribir nos comentarios do blogue (só texto).
      Por certo, xa van chegando ao correo moitos traballos sobre compositores (os que se propuxeron a semana pasada), os que aínda non o fixeron, animádevos a mandalo! Aínda estades en prazo, suben nota e sairán publicados a finais da semana que vén...
Apertas virtuais!

BO NADAL... E AÍNDA MELLOR CON MÚSICA!

  AQUÍ TEDES O "CAROL OF THE BELLS" UNHA PEZA DE NADAL DE UCRAÍNA (COMPOSITOR Mykola Leontovych, LETRA  Peter J. Wilhousky) INTERP...